Sunday 28 de April de 2024

O viveiro de empresas de Riveira suma o seu quinto ocupante e quedan catro locais dispoñibles para os novos emprendedores


As instalacións foron abertas no pasado mes de xuño

A xunta de goberno local dou luz verde esta semana a un novo ocupante no viveiro de empresas de Riveira: o quinto dende que esta instalación situada en Fafián abriu as súas portas no pasado mes de xuño.

Trátase dun consultor especializado en aspectos deportivos, que se suma como usuario do inmoble ás empresas Musieventos (servizo completo de música e son), Nórtica (proxectos I+D+i e certificacións de calidade), Conoce Ribeira (servizos para a animación turística e aventura) e a unha especialista en formación e mediación entre empresas estranxeiras e nacionais, e tradución e interpretación.

Tutelaxe
Quedan, pois, unicamente catro oficinas dispoñibles nun inmoble de 362 metros cadrados con nove despachos individuais, sala de usos múltiples, sala de reunións e outras zonas comúns e que conta coa tutelaxe do persoal técnico da Cámara de Comercio de Santiago. Cómpre lembrar que alí está tamén localizada a sede do Servizo Municipal de Orientación Laboral.

Conforme ao regulamento do servizo, poden solicitar un espazo no viveiro tanto as empresas novas que comecen a súa actividade na propia instalación como as de recente creación (é dicir, empresas xa existentes cunha antigüidade máxima de 24 meses ), ademais de emprendedores que precisen dun espazo axeitado para estudar e preparar o seu proxecto (por un tempo máximo de 3 meses).

O tempo de ocupación é de dous anos prorrogables por un ano máis no caso de que haxa vacantes. O prezo de 75 euros ao mes por despacho ademais do servizo de fotocopiadora/impresora (0,10 euros en branco e negro e 0,11 euros a cor por cada fotocopia/impresión).

Para poder optar a un dos locais pódese solicitalo no rexistro xeral do Concello, presentanto unha instancia e unha memoria de proxecto empresarial conforme aos modelos existentes na páxina web.